top of page

Nesta actividade prepararemos unha imaxe contrapublicitaria que completaremos e entregaremos despois. Para iso, cumprirá identificar a contrapublicidade e mais as súas posibilidades.



A contrapublicidade é un exercicio de crítica ás empresas que amosan unha realidade deformada e/ou realizan prácticas abusivas. Globalmente, a denuncia da publicidade -entendida como motor dun consumo de consecuencias sociais e ecolóxicas de extrema gravidade- implica o rexeitamento do modelo económico dominante e a aposta por unha sociedade máis xusta.

A mensaxe contrapublicitaria créase fundamentalmente de dúas formas:
      1. Modificando os anuncios da marca. Aprovéitanse as campañas que esta realiza e manipúlanse os elementos visuais e/ou de texto para trasladar a denuncia.
      2. Deseñando unha campaña orixinal. Neste caso, empréganse as mesmas técnicas que os denunciados, mais cun contido crítico.



Cómpre diferenciar a contrapublicidade da propaganda, pois esta procura difundir ideas políticas, morais ou sociais ou ben valores culturais. A propaganda informa e pretende crear conciencia para modificar condutas. Os anuncios da actividade 1 son un exemplo no ámbito sociolingüístico, así como as campañas de educación vial, de conservación do medio, contra a discriminación, etc.





Onde está?
Imos localizar un anuncio determinado dos de abaixo. Para iso, hai que atender as indicacións de escolla seguintes.

  • Aparecen mesturadas imaxes de propaganda (publicidade social) e de contrapublicidade. Quedádevos con estas últimas.
  • Entre os carteis contrapublicitarios, hai uns que teñen como obxectivo determinadas empresas e outros, en cambio, poñen en cuestión políticas públicas, o modelo económico ou hábitos sociais. Os que nos interesan son os primeiros.
  • Por último, dentro dos que seleccionamos aprécianse diferentes niveis de elaboración: manipulación do nome e/ou do logo do produto unicamente, modificación da imaxe orixinal mantendo o nome ou o slogan (que dese xeito se interpreta), etc. Identificade o anuncio que engade imaxes sobre o orixinal sen modificar a marca e lembrádeo.

 

Á CONTRA

Actividade 6

EN PARELLAS
(sen entrega)

Que nos interesa?


Escollede unha das seguintes empresas e asociádea xa coas responsabilidades sociais que se lle atribúen desde medios independentes. Esa marca elixida vai ser o voso obxectivo.



  •     MCDONALD'S : Traballo infantil e explotación en empresas provedoras, así como consumo de carne con consecuencias ecolóxicas e sociais moi negativas.
  •     NIKE, ADIDAS: Explotación, traballo infantil, acoso sexual e outras irregularidades en empresas provedoras.
  •     NESTLÉ: Comercialización de alimentos para bebés mediante métodos condenados internacionalmente e mais explotación de traballadores agrícolas a través dos provedores de materias primas.
  •     MITSUBISHI: Destrución de selvas tropicais.
  •     MERCEDES BENZ: Tráfico de armas nucleares e minas antipersoas a través dunha empresa filial.
  •     SHELL: Financiamento de guerra civil e tráfico de armas, así como destrución do sustento vital en rexións petrolíferas ou colaboración con ditaduras militares.
  •     BAYER: Importación de materias primas desde rexións con conflitos bélicos, financiamento de ensaios clínicos non éticos, atrancos á fabricación e comercialización de medicamentos vitais ou comercio de perigosos herbicidas.
  •     INDITEX-ZARA, EL CORTE INGLÉS, MANGO... : traballo infantil e explotación dos traballadores, de maneira inhumana a través dos talleres en Marrocos, Indonesia, Bangladesh, etc.



Como elaborar a contra?


Tomando o cartel identificado en "Onde está?" como modelo, prepararedes o voso deste xeito:



  1. Localizade unha imaxe dun anuncio publicitario desa empresa - marca. Se se escollese o primeiro caso, valería por exemplo esta.
  2. Aplicádelle modificacións (como elementos engadidos, deformacións...) que amosen as consecuencias da política comercial da empresa, que poñan en evidencia as características ficticias coas que se intenta facer máis desexábel o produto ou que destaquen os aspectos negativos que un anuncio nunca mostra. Empregade un editor de imaxes do computador ou un en liña (Pixlr, por exemplo).
  3. Se é posíbel, manipulade o seu nome.

(O slogan traballarémolo despois)



Gardade a imaxe nun lugar seguro (pode ser na rede), pois haberá que empregala na actividade seguinte, mais agora non se entrega.

bottom of page